KYOKI | Elefante Elegante (Esp.)
KYOKI é un espectáculo sen palabras destinado ao público infantil e familiar que aborda a temática do esquecemento, da vellez e da soidade. KYOKI significa “demencia” en xaponés e refírese a unha alteración da capacidade para recordar, pensar ou tomar decisións. É certo que adoita aparecer en persoas de idade avanzada, mais… quen nunca esqueceu onde colocou a caixa das galletas? Ou por distracción vestiu o xersei do revés? KYOKI é unha ollada cómplice, reflexiva e sensible ás experiencias que viven tanto as persoas que precisan ser coidadas como as propias coidadoras. A familia, as institucións médicas e sociais están presentes nos tres personaxes interpretados pola actriz protagonista: a avoa, a súa filla e a doutora. A través dunha linguaxe xestual baseada na manipulación de obxectos e na interacción constante co espazo escénico, o espectáculo crea un universo cómico e poético que viaxa do realismo á hipérbole da vida cotiá. O xogo teatral baséase no traballo plástico da corporalidade da intérprete e nunha sintonía rigorosa dos xestos coa música instrumental orixinal, definindo unha dramaturxia na que a imaxe toma protagonismo total. A posta en escena fundaméntase na dinámica pictórica do espazo teatral e na narrativa das accións físicas que reflicten desexos, sentimentos e estados dramáticos.
O Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, a música e as artes visuais, baseándose na relación do corpo co espazo e nunha investigación rigorosa do xesto e do movemento. Fundada en 2000 por María Torres e Gonçalo Guerreiro, a compañía instalouse en Galicia en 2007 e é actualmente residente no Concello de Culleredo. Os seus espectáculos teñen sido recoñecidos con varios premios María Casares desde 2013.
Sábado 20 junho
KYOKI | Elefante Elegante (Esp.)